Desde ASPANEMI queremos denunciar que a Xunta xogue coa dor das familias con persoas dependentes. Porque dicimos isto? Porque se nos fai crer desde hai un tempo que se vai aplicar un Bono de 5000€ que parece que é a maiores do que se viña cobrando polos coidados de persoas dependentes na contorna familiar e isto non é así. E non é xa que se nos tente enganar a nós, ás persoas que coidamos aos familiares dependentes, é que se fai crer á sociedade que nos rodea que isto é así.
Así o vemos reflectido na prensa e en persoas en xeral que se achegan a nós facéndonos comentarios como se recibísemos un premio extra de 5000€. Se ben é certo que hai unha pequena suba, unha miseria dentro da xa miserábel cantidade asignada ás coidadoras familiares, é falso e irritante esa cantidade.
A carta que recibimos as familias é indignante porque fala a Xunta que “ideou o bono coidado no Fogar” dotado de 5000€ como se fose algo que partise de cero e en realidade xa resta as cantidades que estaban sendo abonadas. Por exemplo, un grupo medio non tería 5000€ a maiores, senón simplemente 1452€ por non falar do grupo de grandes dependentes que terían un incremento de 540€ ao ano, moi lonxe deses rechamantes 5000€ dese marabilloso “bono”.
A carta que recibimos as familias é indignante, falan de que con ese bono un familiar, amigo ou veciño pode coidar á persoa dependente. De verdade cren que, por poñer un exemplo intermedio, unha persoa por 416€ ao mes pode dedicar a súa vida a coidar a un dependente.
Menos mal que o agarimo, o cariño e o respecto que temos cos nosos familiares con dependencia non se paga con cartos, pero daí a crear a ilusión de que imos ter un incremento que nos posibilite ter uns coidados en condicións dignas, vai un bon treito.
En fin, tiñamos uns zapatos desfeitos e furados, os Reis Magos da Xunta din que nos regalaron uns novos e a verdade é que só nos puxeron as medias solas e que con iso sigamos camiñando!
Aqui abaixo podedes ler a carta que nos mandaron os Reis pouco "Majos"
Comments