top of page

Reunión de ASPANEMI coa Xerencia da Área Sanitaria de Ferrol


NOTA DE PRENSA


O vindeiro venres día 13 de febreiro, ASPANEMI ten concertada unha reunión coa Xerencia da Área Sanitaria de Ferrol. O principal motivo desta xuntanza é a preocupación que temos desde a nosa Asociación polo deterioro que está a sufrir a Atención Temperá.

Dadas as características dos problemas dos nenos e nenas que acoden a Atención Temperá, estes precisan dunha proximidade e confianza cos profesionais que os atenden. O incesante ir e vir de profesionais nesta área fai que moitas familias, procurando a estabilidade necesaria que precisan estas crianzas, teñan que buscar solucións nos gabinetes privados.

En fisioterapia estanse a marcar sesións pechadas, sen un continuum como debería ser para o tipo de problemática que teñen estes nenos e nenas. Lembremos que Atención Temperá abrangue desde 0 a 6 anos.

O deterioro a nivel de medios é tal, que desde a propia Atención Temperá circulou un whatsapp pedíndolle á cidadanía material, cando tería que ser a propia Administración quen a dotase dos recursos necesarios.

Cremos que toda a sociedade precisa dunha atención socio-sanitaria pública e de calidade, pero no caso destes pequenos/as ten que ser a mellor posíbel.

Animamos a todas aquelas familias que queiran dar conta da súa situación en Atención Temperá a que se poñan en contacto coa nosa Asociación a través dos teléfonos 687 51 28 49 ou 645 98 64 06 ou ben a través do correo electrónico aspanemi@gmail.com

Comentarios


©2022 por aspanemi. Orgulhosamente criado com Wix.com

bottom of page