Prazas de Aparcamento para Persoas con Movilidade Reducida: unha cousa é a normativa, os números ...e outra as persoas.
- aspanemi
- 24 nov 2025
- 2 Min. de lectura
A nosa Asociación ven de enviar un escrito ao concello diante da situación na que se
atopan as usuarias e usuarios de prazas de aparcamento para Persoas con Movilidade
Reducida (PMR).
I. Antecedentes e Situación Actual
1. Que na rúa López Bouza existen actualmente habilitadas tres (3) prazas de
aparcamento reservadas para persoas con mobilidade reducida (PMR).
2. Que as tres prazas mencionadas están configuradas como aparcamentos en
batería.
3. Que o ancho da beirarrúa nesa zona é limitado, o que xera unha problemática
grave para os usuarios de vehículos adaptados con sistema de rampla na parte
traseira (especialmente furgonetas ou monovolumes adaptados):
Se aparcan en marcha atrás: A lonxitude da rampla despregada é tal
que case toca coa construción ou muro lindeiro. O espazo que queda
dispoñible sobre a beirarrúa resulta insuficiente para que a persoa
usuaria poida manobrar a cadeira de rodas unha vez fóra do vehículo.
Se aparcan en marcha adiante: A rampla e, consecuentemente, a
cadeira de rodas, invaden a calzada, poñendo en perigo a integridade da
persoa usuaria e dificultando a circulación dos demais vehículos.
4. Esta situación supón que, na práctica, as prazas de aparcamento existentes non
cumpren a súa función de garantir a accesibilidade e seguridade para unha parte
significativa do colectivo de persoas con discapacidade que dependen deste tipo
de adaptacións nos veículos.

II. Proposta de Solución
Conscientes da necesidade de conciliar o dereito á accesibilidade coa seguridade viaria e o deseño urbano, e co obxectivo de dar servizo a todas as persoas con discapacidade que precisen despregar a rampla para a utilización das súas cadeiras de rodas,
ASPANEMI SOLICITA:
Que os servizos técnicos municipais, en particular a área de mobilidade e urbanismo,
estuden a reordenación e reubicación da praza de aparcamento reservado para PMR
que actualmente se atopa fronte ao número 8 da rúa López Bouza.
Que dita praza se desprace e se habilite nunha localización próxima, preferentemente
cara á altura do número 12 (no sentido contrario estreitase a calzada) ou onde os
técnicos consideren oportuno, buscando un tramo da beirarrúa que presente un ancho
significativamente maior e que permita o despregue total e seguro da rampla traseira,
deixando espazo suficiente para a manobra da cadeira de rodas na beirarrúa, sen invadir a calzada.
Entendemos que esta proposta non implica a creación de novas prazas nin o
favorecemento dun individuo concreto, senón a adaptación das infraestruturas
existentes para que sexan verdadeiramente funcionais e inclusivas para todas as persoas con mobilidade reducida.
O Concello alega que cumpre a normativa con aparcamentos abondo para Persoas con
Mobilidade Reducida nesa rúa. Pero a realidade é que prexudica ás persoas con
discapacidade que utilizan as ramplas para poder baixar as cadeiras de rodas e cremos
que o Concello non só está para cumprir normativas, senón tamén para facilitar a vida
dos seus veciños e veciñas, mais no caso de persoas que xa de por si teñen a vida
abondo complicada.






Comentarios