top of page
aspanemi

Nace Agora!


ASPANEMI APOIA E FAI PARTE DE AGORA! QUE É E PARA QUE SERVE?

A Plataforma AGORA nace para a defensa dos dereitos das persoas residentes no CAPD Souto de Leixa, un centro da Xunta de Galiza para a atención a persoas con discapacidade intelectual xestionado pola empresa SAMAIN (grupo Clece) que conta con residencia e centro de día, e na que viven actualmente 98 persoas con diferentes necesidades.

Botámola a andar diferentes entidades e organizacións da comarca de Ferrol como Teima Down, Aspanemi, o Comité de Empresa do propio Centro e o BNG, así como un grupo de familiares, preocupadas polas condicións de vida das persoas usuarias, e decididas e dar un paso adiante na defensa dun dereito básico de todas as persoas como é o de levar unha vida digna, cousa que hoxe en día non pode dicirse das condicións nas que viven as persoas residentes do Centro Souto de Leixa.

Aspiramos a mudar esta situación coa axuda de outras entidades ou persoas particulares que queiran sumarse a esta causa a través da Plataforma ou apoiando as nosas convocatorias.

No Centro Souto de Leixa, o colectivo de persoas con discapacidade intelectual, atópase nunha situación indefensión, sen posibilidade de reclamar os seus dereitos. Dereitos que deberían de favorecer a súa integración na sociedade e que deberían proporcionarlles, como mínimo, o correcto desenvolvemento das actividades básicas da vida diaria.

Un centro de estas características, de labor social e integración, debería de tratar aos usuarios con dignidade, creándolles as ferramentas necesarias para sentirse realizadas e a gusto na que é a súa casa.

Unha casa na que o persoal traballador, que atende ás persoas usuarias, carece dos recursos necesarios para ofrecerlles un servizo óptimo debido á falta de ferramentas de traballo, falta de persoal, instalacións en mal estado, agresións (tantas veces minimizadas ou normalizadas), falta de definición das tarefas do persoal segundo organigrama e un longo etc.

Todo isto trae consigo un ambiente, vital e laboral, saturado de carga emocional negativa e un sentimento de querer pero non poder. Sentimento que tamén comparten moitas das familias ás que se lles fai caso omiso diante das súas peticións.

Palabras como empoderamento, capacidade de decisión ou integración deberían de ser unha bandeira no Souto de Leixa.

Nada máis lonxe da realidade. Só espellismos. O Souto recolle, pero non acolle.

Dende aquí queremos propiciar unha toma de conciencia social urxente en canto ao sector da discapacidade. Dar visibilidade a persoas que necesitan apoio para empoderarse e integrarse. Dignificar a discapacidade e facelos visibles. Para isto nace a plataforma.



O Manifesto é a nosa carta presentación

Por que hoxe? Porque a Xunta está en proceso de adxudicar a xestión do Centro Souto de Leixa a unha nova entidade. E a este respeito queremos manifestar algunha cuestión de importancia:

1a A actual adxudicataria, a empresa SAMAI, pertence ao grupo CLECE e por extensión ao grupo ACS. É de dominio público que estes grupos contan con entidades sen ánimo de lucro que poderían presentarse ao actual proceso. Queremos manifestar con total rotunidade que consideraríamos esta posibilidade unha auténtica burla

2a No proceso de adxudicación o persoal traballador é persoal subrogable, mais é preciso que as entidades que concorran neste proceso saiban que o actual custo laboral está artificialmente minorizado. De feito un dos principais problemas na actualidade no centro é a falta (alarmante) de pesoal, mesmo por debaixo do rateo que o actual contrato esixía.

3a As administracións ou organismos con competencias e responsabilidades na protección das persoas residentes no Souto de Leixa non cumpriron durante estes anos coa súa obriga. En primeiro lugar a Xunta de Galiza como titular do Cento, nunca as inspeccións da Consellaría atoparon problema ningún, o que cal fai pensar nunha conivencia absoluta coa empresa que prestaba o servizo, dun xeito que é notablemente deficiente. En segundo lugar a FUNGA, o organismo que exerce a tutela de máis da metade das persoas que residen no Centro, que sabemos que non conta co persoal nin cos recursos necesarios para realizar as labores que ten encomendadas, o cal tamén sería imputable á Xunta de Galiza. E en último lugar a Fiscalía. Cando

falla todo o demais, e os incumprimentos son graves, continuos e non son corrixidos por máis denuncias no ámbito administrativo que se realicen, hai que valorar a posibilidade de que se estea incurrindo en outro tipo de responsabilidades por parte das administracións e organismos que teñen a obriga de exercer a tutela das persoas que non poden valerse por si propias. Se non estes dereitos fican papel mollado.

En último lugar queremos que o nacemento desta plataforma sexa o máis coñecido e difundido que sexa posible para todas as persoas ou entidades interesadas poidan poñerse en contacto con nós. Despois dun tempo (sen prazos) faremos unha nova reunión para decidir o camiño e actuacións que desenvolver, que poden ir desde a celebración de xornadas sobre os dereitos das persoas con discapacidade intelectual, a solicitude de reunións con estes organismos que mecionaba antes, ou a convocatoria de actos de protesta.

Temos un correo electrónico, un Facebook, e unha conta de Instagran

101 visualizaciones2 comentarios

2 comentarios


Invitado
11 jul

Defender a quen non se pode defender é unha tarefa das mais nobres que existen. Adiante, Agora!

Me gusta
Invitado
11 jul
Contestando a

Ben falado

Me gusta
bottom of page