A Asociación AS.PA.NE.MI. (Asociación de Pais de Nenos con Minusvalía) agradece a disponibilidade mostrada pola xerencia do Complexo hospitalario da área sanitaria de Ferrol na reunión mantida hoxe pola mañá entre a xerencia e membros da nosa asociación.
Nesta reunión estivemos a plantexar diferentes problemas e deficiencias que os nosos socios e usuarios perciben no servicio de Atención Temperá (AT).
As nosas preocupacións polo mal funcionamento deste servicio veñen desde hai ben tempo, e confiamos que a nova xerencia faga as melloras necesarias para garantir a solución das necesidades dos nosos fillos e fillas.
Unha das peticións manifestadas nesta xuntanza foi a de “facer realidade un espazo compartido de coordinación e corresponsabilidade entre o sistema de saúde, o sistema educativo e os servizos sociais”, tal e como reflexa na súa páxina de presentación o “Protocolo de coordinación, intervención e derivación interinstitucional en atención temperá”, elaborado pola propia Xunta de Galicia.
Outro dos nosos anhelos é que as familias que teñan un fillo/a necesitado de atención temperá sexan recibidas polos profesionales necesarios (traballador/a social, psicólogo/a,…), e non polo médico rehabilitador, co fin de orientar, acompañar e facer máis levadeira a problemática situación coa que os pais e demáis familiares se atopan de súpeto.
Tamén falamos da necesidade de máis profesionais dos distintos servizos que se ofrecen na Atención Temperá xa que os que hai agora non dan atendido as necesidades de todos os usuarios do servizo e “estes nenos/as non poden estar en lista de espera”, frase coa que todas as presentes estabamos de acordo.
Comments