A Uxío custáballe durmir esa noite. Mañá comezaba o campamento de verán. Todas as cousas novas o desacougaban mais neste caso era a ilusión o que o tiña inquedo e pelexando coa almofada.
Imaxinaba cantas novas músicas aprendería, a el que a música facíalle cóxegas nas orellas e nos pés, e entón daba unha volta sorrindo na cama.
Imaxinaba tamén novos amigos, novas caras, novos xestos... E quizais coñecer a alguén especial, alguén que lle fixese bater mais forte o corazón, alguén que ao miralo lle fixese saír faiscas polos olliños.
Compartir risos, retos, novas ilusións con novas persoas. Agardábano tantas emocións distintas que toda a noite pasou pelexando coas suaves sabas da cama.
E así foi que o espertaron os primeiros raios de sol coas sabas enroladas como edras no seu corpo.
Abríu os ollos e daquela recordou que todo o que pensara pola noite non era posíbel porque a el, a Uxío, como a todos os Uxíos e todas as Uxías deste mundo, como a todas esas persoas do universo que precisan un pouco de axuda non o tiñan en conta. Apretou os puños, arañou as sabas e quedou coa ollada perdida, quizais, nun mundo mellor.
コメント